domingo, 16 de outubro de 2016

CLUB D@S EX-

Álvaro Antelo achéganos como proposta literaria para gozar dun bo tempo lector a obra poética de Lois Pereiro e cóntanos o seu proceso de descuberta deste poeta tan senlleiro, voz lírica única.

Grazas, Álvaro, por partillares connosco a túa emoción lectora e a complicidade que sentes na túa propia escrita poética con Lois Pereiro!






Escribir sobre Lois Pereiro sempre é un reto, ademais unha honra. Tiven a sorte de saber del cando cursaba estudos secundarios, mais a miña ignorancia naquel entón impediume achegarme a el. Anos despois, xa en bacharelato, din con el na biblioteca e (re)descubrín ao poeta que supuxo un punto de inflexión. 

Hai estrelas que logo de mortas seguen presentes, así é a poesía de Lois. Un raio no medio da treboada, ou máis ben un amencer literario. A intensidade da súa obra é tal que a día de hoxe segue a ser un dos referentes para as novas xeracións de escritores; entre os cales, humilde pero satisfeito me atopo eu.

O primeiro que sentín ao ler os seus poemas foi frío. Esa é unha das primeiras impresións que causa Lois, as súas verbas rachan no silencio. Abonda abrir Poemas 1981/1991 e ler o primeiro poema para darse conta de que non estás ante outro poeta calquera. Esa é unha das grandes virtudes da súa voz poética: a personalidade, a potencia coa que falaba. Dicían que Lois era o poeta anarquista; eu sempre penso que era pola valentía coa que escollía as palabras. Cando el escribía, a poesía asentía e calaba. 

Outra faceta da súa literatura é o intimismo tan potente dende o que escribe. Tal vez o seu primeiro poemario sexa unha obra máis metálica e punzante, como as agullas irónicas das que falaba; mais en Poesía última de amor e enfermidade a voz de Lois vólvese moito máis interna. Os poemas amósanse baixo unha atmosfera moi poderosa. É aí onde o poeta se fai humano.

Manuel Rivas dixo nunha ocasión que as palabras de Lois eran tan verdadeiras que semellaban pecado. Eu vou máis aló: as palabras de Lois son pecado, vida e morte; son a furia necesaria, o futuro alleo, a enfermidade, a irreverencia; son modestas proposicións para facer que deixen de xirar as portas; luces e sombras de amor... Especialmente amor. As palabras de Lois eran amor que resucitou ilimitado. "Contra a morte o amor que vai comigo" dicía nun dos seus poemas. Se teño que recomendar un poeta, sempre será Lois. Contra a morte os versos de Lois que van comigo.
                                                     
Admiro moitas cousas de Lois Pereiro. A súa valentía para afrontar a morte e plantarlle cara. A súa breve pero intensa literatura e a poderosa voz coa que a creou. Mais se hai algo que admiro de Lois é o seu espírito inconformista e rebelde, o seu anarquismo atroz e a súa negación a renderse. Desfruto do poeta, mais admiro a persoa.
"Permitirías ti, amor deserto, que nesta febre penitente abrise a derradeira porta e a pechase detrás miña, sonámbulo e impasible, ou porías o pé entre ela e o destino?". Eu si o poñería.

Sem comentários:

Enviar um comentário