domingo, 29 de setembro de 2013

VOLVE TAMÉN O CLUB D@S EX- DE CORISTRANCA



No club de lectura tamén participan desde o pasado verán un grupo de EX- profas e alumnas. Esta sección do club intercambia opinións sobre as lecturas neste blog, aínda que non descartamos algunha quedada presencial durante este curso, que xa anunciamos que vai continuar.

Por suposto, esta sección está aberta a todas aquelas persoas que este novo curso xa sodes EX- e tamén a nais e pais que gosten de ler e, sobre todo, falar de lecturas.




Para irvos dando envexa, imos inaugurar esta primeira quedada virtual para intercambiarmos as nosas impresións sobre a lectura de verán, Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

2 comentários:

  1. Ola a tod@s! Despois dun verán cheo de lecturas, hoxe toca recordar a cita que tivemos con Luís Rei Núñez en Fisterra, esa gran Fisterra que é a Costa da Morte máis xenuína, chea de anécdotas e personaxes coñecidos por todas e todos nós.
    De todas as historias que se van artellando ao redor da viaxe do autor polas estradas da Costa da Morte, eu fico coas correspondentes a Ponteceso e a Camelle. As primeiras, por nos trasladar a unha paisaxe envolvente e máxica como é a do ocaso do noso Anllóns, e as de Camelle, por nos reconstruír as orixes de Man e, sobre todo, por lle dar unha dimensión humana como poucas veces se lle ten dado.
    Moito se ten falado do Man ermitaño, do Man sufridor, do Man mítico xa, pero case nunca tiña lido nada sobre o Man meniño na súa terra natal ou o Man mozo chegado a este recuncho onde ficou para sempre.
    Tampouco me vou estender moito máis, porque podería comentar mil e unha cousas do libro e quero deixarlle oportunidade ás miñas compañeiras, así que... velaí a vosa quenda!!!

    ResponderEliminar
  2. Ola de novo!!!
    Non era sen tempo! Antes de nada quería pedir desculpas pola tardanza mais esquecíuseme pasar polo blog deixar o comentario, e non foi porque non se me fixera o acordo!
    Xa falando do que nos ocupa teño que dicir que Cita en Fisterra foi un descubrimento para min. Poder pasear por todos eses lugares tan coñecidos e saber historias deles foi toda unha experiencia.
    Deste libro, gustoume a forma de narrar que ten o autor: sinxela e directa. Podemos mergullarnos na nosa xeografía e historia facilmente para ir descubrindo anécdotas cercanas que nos permiten coñecer mellor o noso pasado máis recente. Ir vivindo historias xunto co protagonista e saber o que aconteceu da súa man fai que coñezamos máis a Costa da Morte. Esa mesma costa que paseábamos de pequenos cos nosos pais para visitar os lugares máis sobranceiros ou nos que facíamos incursións rápidas xa de mozos para redescubrila con outros ollos. Coñecer o relatado de primeira man fai que aínda queden historias por descubrir preto de nós que agora sei que, cando teña tempo, tentarei pescudar máis para ser un pouco máis "costamortense".
    E así, coa invención dun novo xentilicio vos deixo até a próxima...
    Apertas para tod@s!

    ResponderEliminar