quarta-feira, 30 de dezembro de 2015

O TEMPO DO NADAL, MANUEL MARÍA


CONTOS CON AROMA DE NADAL E REIS


Hai un tempo para cada lectura, mais tamén cómpre unha lectura para cada tempo.

Velaquí algunhas propostas para ler e agasallar nestes días previos á chegada do Apalpador ou dos Reis Magos de Oriente. 

Xa sabedes que eles len as cartas con moita máis atención cando nelas se piden libros!!!

 E para saber quen son as boas criaturas do noso nadal, tomar nota de suxestións lectoras para todos os públicos ou ler máis relatos breves ambientados no nadal, nada mellor que achegarnos á revista dixital Criaturas

Boas lecturas para este tempo de descanso familiar!

quarta-feira, 23 de dezembro de 2015

DE CORISTANCO A OUTEIRO DE REI (I)

Encamiñamos os nosos primeiros pasos cara á descuberta do poeta Manuel María, colocando a primeira pedra do que será o ano grande en 2016 coa celebración do Día das Letras Galegas na súa honra.

Iniciamos a mañá do mércores 16 de decembro visitando a Casa-Museo do autor na casa familiar dos Hortas, en Outeiro de Rei da Terra Chá luguesa.






Da man da poesía de Manuel María, viramos cara ao noso pasado castrexo e romano para descubrir as características do Castro de Viladonga.




E rematamos a xornada coas sempre sorprendentes Penas de Rodas, aínda que sen chegar a saber cal delas é a que garda o ouro e cal o alcatrán. E iso que algúns compas lle meteron forza para as abanearen!




Fantástica xornada, non si?

Pero aínda falta unha sorpresiña de algo que moito nos prestou. Atención ás imaxes de vindeiras entradas!!!

domingo, 13 de dezembro de 2015

DE CORISTANCO A POIO

Que vos parece? Sempre se di que a lectura nos axuda a viaxar e coñecer outos mundos, non si? Pois nós fixémolo posíbel.

Como xa sabedes, o noso primeiro programa de radio deste curso contou cunha sección novidosa e sorprendente que nos levou a coñecer a valoración dun dos clubs de lectura de 4º ESO do IES de Poio que andaban a ler, coma nós, A praia dos afogados de Domingo Villar.

Agora, eles tamén recollen esta experiencia partillada no seu blog "Os trasnos dos libros"

Foi un pracer contar convosco trasnos amigos!!! Seguiremos en contacto!!!


domingo, 29 de novembro de 2015

CORISTRANCA NA RADIO

O prometido é débeda, así que xa temos todo pronto para que o noso primeiro programa deste curso chegue en diferido a todas as nosas radiooíntes. 

Con todas vós, o programa número 177 de "A Fume de Carozo"!!!

Foi unha experiencia de guionización laboriosa en que Elena e Ana exerceron de guías para Diego, Anna e Enma, que estaban de estrea na peixeira de Radio CUAC FM.

Precisamos moooooooita concentración...







... pero todo saíu estupendamente... ou non é así? 

Que pensades vós? 

Para quen non puido escoitarnos ao vivo, velaquí vos deixamos o enlace. E para quen moito gustou e quere descargar o programa, tamén pode acceder desde aquí.

O noso agradecemento a Roberto Catoira, técnico de son, que sempre nolo fai todo moito máis fácil e engaiolante e tamén ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña, promotor do programa.

A aperta máis grande para a nosa escritora de referencia, Ledicia Costas, multipremiadísima nos últimos meses, amiga deste club, que sempre nos recibe con todo o afecto e con quen mantivemos unha ben interesante conversa telefónica ao vivo. 

Non a perdades!!!!

Escoitámonos no vindeiro programa do 23 de febreiro!!! Xa estamos mans á obra!!!


terça-feira, 24 de novembro de 2015

CORISTRANCA VOLTA ÁS ONDAS

Si, si, estades a ler ben. Non é que voltemos facer surfing a Razo, non, é que esta tarde de martes voltaremos á peixeira do estudo de Radio CUAC FM para comunicarnos, desde o programa "A Fume de Carozo", coa nosa peña radiooínte que ben sabemos que agarda polo primeiro programa radiofónico desta tempada.

Queredes un avance? Ben, pois, falarémosvos de música con Guadi Galego, de deporte con Javi Gómez Noya.








Leremos un divertido relato de Xurxo Borrazás do libro Contos de taberna; manteremos unha entrevista cunha escritora galega de proxección nacional e internacional e moi querida polo lectorado do noso club cuxo nome é... ui! esqueceunos! Haberá que agardar a esta tarde para a descubrir... ;)



Ah! E tamén compartiremos impresións da nosa lectura, A praia dos afogados, cos colegas do club do IES de Poio. Que vos parece? Esta familia lectora medra e medra cada día máis! 



Vai haber música? Pois claro, coma sempre e da boa, non, da mellor!!!

Escoitámonos esta tarde ao vivo no 103.4!!!