terça-feira, 26 de maio de 2015

O ENCONTRO MÁIS AGARDADO


Por fin chegou o encontro máis agardado para o noso club de lectura. 

Mágoa que non puidésemos desprazarnos todos os membros do club a Vigo, á sede da Fundación Penzol, para coñecermos a Agustín Fernández Paz. Ficará, pois, na lembranza do alumnado de 3º e 4º de ESO.

Case parecía que o coñeciamos despois de tantas e tantas lecturas, despois dunha demorada e completa entrevista radiofónica no noso programa "A Fume de Carozo", mais faltaba este encontro presencial para nos desenredar as "intimidades" da súa escrita.

Seguro que nin imaxinades de onde nace o "chispazo" das súas obras: dun anuncio publicitario das páxinas dun xornal, dunha fotografía tamaño carné tirada na rúa, das súas inquietudes pola física e pola astronomía...

Canto nos prestou este deslocamento a Vigo desde Coristanco. Grazas, moitas grazas Agustín, por acudires ao noso chamado.




Seguímonos encontrando na lectura da túa nova novela recentemente publicada e que trouxemos como delicado agasallo teu,  ben característico da túa xenerosidade.









quarta-feira, 13 de maio de 2015

TERTULIANDO!!!



A sección máis buligueira do club de lectura, as lectoras e lectores máis grandes de 1º de ESO, reuníronse este mes de maio para celebraren conxuntamente a lectura d´O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro.

Deixamos por aquí un enlace para que vos poidades achegar ao curioso proceso de escrita a catro mans deste libro de relatos de que tanto gustamos, malia a tristeza que deixou en nós a súa lectura. Porque, quen quere ao seu redor un mundo inxusto e desigual para os nenos e as nenas do mundo?



segunda-feira, 27 de abril de 2015

CORISTRANCA A FUME DE CAROZO




Xa temos aquí o terceiro e último programa de radio deste curso escolar, locutado por representantes da sección do noso club de lectura de 3º ESO: Samuel, Soraya, Elena, Carmen e Ana.

Desde este enlace podedes escoitar integramente o noso programa, inzadiño de palabras, lecturas e músicas.




Grazas por compartirdes connosco esta actividade tan ilusionante, escoitándonnos ao vivo, animándonos por watshapp e compartindo agora o noso traballo que xa anda polas ondas.

O noso agradecemento a Roberto Catoira por se encargar de que todo funcione estupendamente para que este programa número 164 do "A Fume de Carozo",  promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña, fique en nós como unha lembranza inesquecíbel


terça-feira, 21 de abril de 2015

ATENCIÓN AO DIAL 103.4



Que andaría a facer así de preparado este equipo do noso club de lectura hoxe polo coruñés monte da Zapateira?



Atención ás próximas entradas deste blog que traerán sorpresas...

Que tal unha entrevista ao vivo con Begoña, a nosa profesora de francés e colaboradora do club de lectura?

Quen quere coñecer o autor uruguaio recentemente falecido, Eduardo Galeano?

A quen lle gusta a música heavy?


En breve, enlazaremos cun novo programa "A Fume de Carozo", gravado no estudo "José Couso" da Radio CUAC FM.

Quen quere saber máis?


ABRIL, MES DOS LIBROS E DAS TERTULIAS


Este luns 20 de abril, en vésperas do Día do Libro, celebramos o encontro a partir de dúas lecturas ben diferentes: 

* A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz 

*O diario vermello de Carlota, de Gemma Lienas.

En breve aparecerán por aquí senllas reseñas que vos convidarán a ler calquera destes dous títulos. 

Atentas!!!